Thursday 25 de April de 2024

Clausurado o obradoiro de emprego de Lousame-Noia, que formou a 20 persoas en aproveitamentos forestais


O delegado da Xunta e a alcaldesa supervisaron o avance dos traballos no monte de San Lourenzo que rematarán antes de final de ano

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no acto de clausura do obradoiro de emprego Lousame-Noia, que tivo lugar na Casa da Cultura lousamiá. Trenor estivo acompañado polo tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez; o alcalde de Noia, Santiago Freire; e o director do obradoiro, Andrés Novo, quen entregaron un diploma acreditativo e un certificado de profesionalidade aos 20 alumnos e alumnas que completaron o seu período formativo na especialidade de aproveitamentos forestais e no que a Xunta investiu máis de 480.000 euros.
Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos se pospuxeron durante os meses de confinamento e cando se retomaron cumpriron os meses establecidos inicialmente, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”. O delegado da Xunta recalcou que agora “estades mellor preparados ca nunca para conseguir un posto de traballo o para emprender proxectos propios porque contades cun título oficial válido en toda España que acredita a vosa preparación”. Neste senso, desexoulles aos participantes o mellor nestes meses de tanta dificultades e animou aos alumnos a poñer empeño e vontade para acadar os seus obxectivos.

San Lourenzo, punto de interese local
Pola súa banda, Ramón Martínez destacou que “nestes momentos temos o compromiso firme de contratación de 4 persoas das que participaron no obradoiro” e indicoulles aos demais alumnos e alumnas que “os tempos son difíciles pero o sector forestal ten posibilidades de xerar emprego”. Así mesmo, destacou o bo facer do equipo de docentes e o apoio da Xunta de Galicia ao prorrogar 3 meses o obradoiro diante da crise da Covid-19.
Martínez Rial puxo en valor o traballo realizado polo alumnado no monte de San Lourenzo, “onde contamos cun magnífico recurso natural, paisaxístico, cultura, xeolóxico e arqueolóxico no que en breve iniciaremos as xestións para que sexa declarado Punto de Interese Local. Aló limpouse de maleza, liberáronse 16 hectáreas de especies foráneas e plantáronse 2.500 árbores autóctonas”. Así mesmo, destacou as actuacións realizadas en Aldeagrande, Bosque do Neno, Vilacoba, Bouciñas…
Finalmente, Santiago Freire asegurou que “nos sentimos agradecidos do traballo realizado no Monte do Bolo, na contorna da fábrica de curtidos da Chaínza, de Pontenafonso e noutras zonas onde estivéchedes traballando. Espero que esta experiencia vos abra as portas do mercado laboral”. Ademais, apuntou que “estamos ante unha boa nova como é a concesión dun novo obradoiro para Noia, Lousame e Outes, que comezará en breve”. Ademais dos lugares mencionados, o obradoiro tamén actuou na contorna do local social de Barro, na área recreativa da Barquiña e en parcelas municipais en Bergondo e San Paio (en Noia).